Inicio Carballo ao día Hemeroteca Visto bo no pleno aos trámites para...

APROBADO O INVENTARIO DE BENS, QUE CHEGA A 258 MILLÓNS DE EUROS

Visto bo no pleno aos trámites para conseguir os terreos para a creación dunha Subestación Eléctrica no Polígono de Bértoa

Martes 23 de febreiro do 2010

O pleno tamén supuxo a aprobación das modificacións realizadas ao longo do ano 2009 no Inventario Municipal de Bens do Concello de Carballo. Así, o total do seu valor é de 258.432.995,61 euros, téndose producido ao longo de 2009 un incremento de cinco millóns de euros neste importe. A raíz da actualización dos datos tense feito un resumo, con data de 31 de decembro de 2009, no que constan as seguintes cifras: Carballo conta con 7.783 bens inmobles valorados en 254.314.880 euros; con 65 mobles histórico artísticos valorados en 286.734,84 euros; con 260 valores mobiliarios, créditos e dereitos de carácter persoal por 25.996,41 euros; con 49 vehículos por un importe de 342.732,23 euros; e con un total de 4.784 bens mobles por un importe de 3.462.651,90 euros.

A corporación aprobou o nomeamento de dous representantes nas Asembleas Xerais de Caixanova e Caixa Galicia. O Concello ten decidido designar no primeiro caso á Tesoureira Municipal e no segundo á Interventora, dado que a norma impide a designación de cargos electos. No apartado de mocións, e precisamente en relación coa Lei Galega de Caixas, saíu adiante unha proposta do PP na que se manifesta a adhesión ao manifesto 'Galicia ten dereito', en apoio a esta norma. O resto das mocións presentadas polo Partido Popular foron rexeitadas, así como as achegadas por Terra Galega. Poren, neste último caso, o Goberno local comprometeuse a estudar, a través do Departamento de Servizos Sociais, a situación precaria da vivenda dun veciño de Berdillo. Tamén se confirmou a celebración dunha Xuntanza dos Voceiros Municipais, que está prevista para o luns 1 de marzo.

Compartir: