Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello contribúe ao repoboamento da...

AS ESPECIES EMPREGADAS SON AMENEIROS E BIDUEIROS

O Concello contribúe ao repoboamento da ribeira do Paseo do Anllóns coa plantación de 200 árbores

Venres 26 de febreiro do 2010

Coa plantación destas árbores espérase contribuír á creación de sombra na ribeira do Anllóns para facelo un espazo máis agradable, e ao mesmo tempo evitar a erosión das marxes do río. Entre as especies que se están empregando para o repoboamento da ribeira destaca a presenza, sobre todo, de ameneiros -especialmente minguados pola praga- e bidueiros, aínda que tamén se están mesturando con outro tipo de árbores, como algún carballo, cebros ou abeleiras, entre outros. Esta actuación vén a completar outras iniciativas desenvolvidas tanto pola Concellaría de Servizos, como pola de Medio Ambiente e Urbanismo que dirixe José Antonio Viña, destinadas ao mantemento, conservación e posta en valor da ribeira do río Anllóns.

Así mesmo, o Concello realiza periodicamente, grazas á axuda de Aspaber -empresa concesionaria do servizos de limpeza viaria do municipio- labores de mantemento nas marxes da corrente, que consisten na retirada de herbas e vexetación -especialmente no contorno do paseo que atravesa a capital municipal- mediante medios manuais, de xeito que se evite o emprego de herbicidas prexudiciais. Deste xeito, o Paseo do Anllóns permanece en perfecto estado para o desfrute dos veciños e veciñas con especial atención ao período estival.

Noutra orde de cousas, e dentro das accións de limpeza, o Concello tamén realiza labores para a prevención de incendios forestais e para a limpeza dos solares do casco urbano. No primeiro caso, en virtude dun convenio de colaboración asinado coa Consellería de Medio Rural e para protexer os núcleos rurais do municipio, a Administración Local encárgase do control de terreos nas parroquias para garantir que non supoñen un risco para a propagación de incendios. No segundo, o Concello vixía que os propietarios de solares os manteñan limpos e libres de residuos. O incumprimento de calquera destas directrices de limpeza pode supoñer sancións.

Compartir: