Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Telecentro de Carballo acolle o 11 de marzo...

A SEDE DA CITA É A FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA

O Telecentro de Carballo acolle o 11 de marzo unha cata virtual de viño por vídeo conferencia

Mércores 3 de marzo do 2010

Este novidoso evento está promovido polo responsable do Telecentro de Chantada con motivo da Festa do Viño da localidade chantadina. Por primeira vez, máis de duascentas persoas situadas en oito localidades da xeografía galega participarán dunha cata de viños da subzona de Chantada, grazas ao uso das novas tecnoloxías. A enóloga e investigadora do CSIC en Galicia, Mar Vilanova, abrirá a xornada, dando paso a unha ponencia sobre a análise sensorial dos viños e a unha cata guiada, na que os participantes presentes nos diferentes Telecentros poderán plantexar as súas dúbidas e experiencias a través de multi vídeo conferencia. Ademais, todos os presentes contarán co material necesario para seguir todo o proceso da cata, como viño e copas, por exemplo.

A primeira edición da Feira do Viño de Chantada desenvolveuse no ano 1983 e, segundo os datos da época, achegáronse preto de dez mil visitantes. Asentouse coma unha das feiras máis importantes da provincia, ata que a finais dos anos noventa, se converteu na Feira do Viño máis representativa do noroeste peninsular. Así chegamos ao día de hoxe, no que ata 229 persoas poderán participar na xornada de cata por multi vídeo conferencia. O número de prazas dispoñibles para participar nesta actividade no Telecentro (TC) de Carballo é de 40. No resto dos espazos, a capacidade é a seguinte:

  • TC de Chantada: 40 prazas
  • TC de Catoira: 40 prazas
  • TC de Oroso: 15 prazas
  • TC de Monforte: 16 prazas
  • TC de O Barco: 28 prazas
  • TC de Santiago de Compostela: 10 prazas
  • TC de Tui: 40 prazas

Compartir: