Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian esta semana os traballos de...

OBRAS E SERVIZOS

Principian esta semana os traballos de pavimentación das beirarrúas da Avenida de Malpica

Luns 22 de febreiro do 2010

A empresa encargada desta actuación é Construcciones López Cao, que conta cun orzamento de 844.248 euros. Os traballos para mellorar a travesía de Malpica comezaron a finais do mes de novembro de 2009. Realízanse a través dun convenio coa Xunta (coa entón Consellería de Política Territorial), asinado en xaneiro do ano pasado. Está previsto que a obra se leve a cabo ao longo de 1,3 quilómetros (entre os puntos 0 e 1,360 da estrada AC-416 entre Carballo e Malpica). Os traballos consisten na renovación da pavimentación da avenida, na ampliación da calzada e na instalación de beirarrúas e aparcadoiros. Dado o carácter urbano do treito, a actuación inclúe tamén a renovación de servizos como a rede de abastecemento e saneamento, o soterramento do tendido eléctrico ou a dotación de mobiliario urbano.

Está previsto que a Administración Autonómica asuma aproximadamente o 80 por cento do importe da mellora, mentres que o Concello carballés achegará o 20 por cento restante. Unha vez concluídas as melloras, o treito obxecto da reforma será transferido ao Concello de Carballo, que a partires dese momento asumirá a explotación, mantemento e conservación da avenida de Malpica. Así mesmo, o convenio tamén recolle unha cláusula específica pola que o Concello de Carballo acepta a transferencia da titularidade de pouco máis de 100 metros da estrada Carballo-Buño (AC-414) dende o final da travesía de Malpica ata o enlace coa autovía A Coruña-Carballo (AG-55) e outros 900 metros da estrada A Coruña-Cee (AC-552).

Compartir: