Inicio Carballo ao día Hemeroteca Proposta de adxudicación provisional da...

A OFERTA SUPÓN UNHA BAIXA NO PREZO DUN 23 POR CENTO

Proposta de adxudicación provisional da 'Execución da remodelación do Mercado' á empresa Decoraciones J. Bello

Mércores 17 de febreiro do 2010

Boa parte da decisión tomada pola mesa de contratación vén avalada por informes realizados, tanto por técnicos da empresa encargada de redactar o proxecto, Abadeus Arquitectura, como por parte do arquitecto municipal, Alfredo Garrote. Hai que lembrar que os integrantes da mesa son o Concelleiro de Urbanismo e representante do grupo municipal do PSOE, José Antonio Viña; o Concelleiro de Promoción Económica e representante do BNG, José Manuel García Guillín; o Concelleiro do grupo municipal do PP, Juan Carlos Castro; o Concelleiro de TEGA, Manuel Andrade; así como a Interventora, en representación do departamento de Asuntos Económicos; e o Secretario do Concello. Unha vez que a adxudicación provisional sexa efectiva, transcorrerán 15 días hábiles antes de que sexa definitiva -sempre que non se presente ningunha alegación. As previsións indican que os traballos poderían comezar a finais de marzo ou principios de abril.

Así mesmo, hai que subliñar que a obra para a reforma integral do mercado de abastos finánciase case na súa totalidade a través dun convenio de colaboración entre o Concello e o Ministerio de Vivenda. A través deste acordo, Vivenda realiza unha achega de 1,8 millóns de euros que xa se fixo efectiva ao longo de 2009, antes incluso do comezo dos traballos. Por tanto, e despois da adxudicación, as arcas municipais tan só terán que achegar 81.446,33 euros para o financiamento da actuación. Isto é posible porque o convenio recolle que, de existir algunha baixa no prezo durante o proceso de contratación -como así sucedeu-, o importe íntegro dese aforro repercute directamente nas arcas do Concello. Respecto ao traslado provisional dos postos actuais -aprobado no pleno de decembro-, está previsto que a próxima semana comece xa a mudanza dos primeiros postos para axilizar as actuacións previas ao inicio das obras.

Compartir: