Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo resulta un dos gañadores do...

ASISTIRÁ Á FINAL ESTATAL O 25 DE FEBREIRO EN MADRID

Carballo resulta un dos gañadores do 'II Concurso Maiores cON iniciativa' de Galicia

Martes 16 de febreiro do 2010

Este certame pretende recoñecer o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais que fomentan a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como a predisposición dos maiores que se animan a participar nestas actividades coa ilusión de aprender algo novo e perder o medo ás Novas Tecnoloxías. Os galardoados recibiron un agasallo conmemorativo de mans da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, nun acto celebrado en Santiago de Compostela. Hai que subliñar que Galicia é a segunda comunidade autónoma máis activa nesta segunda convocatoria do certame: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promovidas a través da rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información. En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas habilidades no uso de Internet e do ordenador grazas a estas accións.

As iniciativas que pasan á final nacional son as seguintes:

  • Bergantiños: pasado e presente, do Centro de Dinamización de Carballo. Mediante esta iniciativa, un grupo de maiores plasmaron nun blog as súas vivencias, recordos e tradicións relacionadas coa súa terra, publicando os seus textos e as súas fotografías para poñelas a disposición de calquera persoa que queira coñecer mellor a historia da comarca de Bergantiños. O blog chámase www.blogoteca.com/contame.
  • As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina, do Concello de Allariz. Nesta iniciativa participaron 150 mulleres de contornos rurais que recompilaron os usos e tradicións das diferentes herbas medicinais da zona, realizando fotografías das mesmas e colgando toda esta información nun blog. Deste xeito, estes coñecementos transmitiranse ás xeracións futuras a través das novas tecnoloxías.
  • Memoria de Muller de Ribadeo, do Centro de Dinamización de Ribadeo. O proxecto ‘Memoria de Muller’ desenvolveuse en diferentes centros de dinamización co obxectivo de recuperar a memoria histórica da muller galega e transportar os seus recordos cara o futuro. No caso de Ribadeo, participaron cinco mulleres que gravaron sendos vídeos nos que cada unha relata aspectos personais, sociais e culturais da súa vida, mesturados con imaxes e música.

O xurado encargado de elixir as tres iniciativas gañadoras estivo formado por Mar Pereira, Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica; Coro Piñeiro, Directora Xeral de Dependencia e Autonomía Personal; Mª Luisa Ansorena, da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados (UDP) da Coruña; José Andrade, da Confederación Galega de Maiores (COGAMA); e Serafín González, da Asociación IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. Os criterios para a valoración das iniciativas foron a súa creatividade, orixinalidade e innovación, a calidade técnica dos traballos, a utilidade persoal e colectiva da iniciativa, o seu alcance cuantitativo (participación) e cualitativo (repercusión e impacto social), e a súa dificultade de realización.

Compartir: