Inicio Carballo ao día Hemeroteca As rúas do centro carballés...

O ANTROIDO DESPÍDESE CO ENTERRO DA SARDIÑA

As rúas do centro carballés enchéronse de veciños e veciñas no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas

Luns 15 de febreiro do 2010

Todos eles, xunto con David Amor, presentador do desfile, animaron unha tarde de xeada con baile, bromas e cancións, na que o xurado o tivo realmente difícil para adoptar a súa decisión. Os xuíces foron: María Dolores Serrano Bolón, da Asociación de Amig@s das Motos Clásicas de Bergantiños; María Jesús García e María José Souto, da Asociación Mulleres Rurais de Sofán; José Manuel Varela da Asociación de Veciños San Lorenzo de Berdillo; Consuelo Barreiro, da Asociación de Veciños a Torre Vixía de Oza; Dolores Rama, da Asociación de Veciños San Salvador de Sofán; David Amor, humorista; Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura; e Mar Eirís, Concelleira de Educación. Diante dos seus ollos pasaron décadas musicais, pitos, tesouros do mar, personaxes de debuxos animados; animais; soldadiños ou incluso unhas Drag Queen un pouco peludas. Entre todos eles animaron un Antroido que contou cunha participación moi elevada.

Pero aínda queda o último alento de Don Carnal. O martes 16 é a quenda do Enterro da Sardiña, no que os participantes percorren a partir das 21.30 horas a Praza do Concello, as rúas Coruña e Hórreo, a Praza de Galicia, a rúa Fomento e finalmente o Parque do Anllóns, onde se oficia o enterro. De novo, para fomentar a participación, o Concello establece 10 subvencións de 40 euros cada unha, á que poderán concorrer todos aqueles grupos de nenos e nenas e adultos compostos por un mínimo de 4 persoas ataviadas coas roupas e obxectos propios dunha 'comitiva fúnebre' para acompañar o enterro da sardiña. Ademais, o programa do Antroido non se esquece dos maiores, xa que, tamén o martes 16 a partires das 18.00 horas ten lugar unha Festa e Baile de Disfraces para a Terceira Idade no Pazo da Cultura. Está prevista a actuación do Dúo Libertad e a degustación de doces de Antroido.

Os interesados e interesadas en observar algunas imaxes do Concurso e Desfile de Disfraces Comparsas e Carrozas do Antroido de Carballo 2010, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: