Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Antroido arrinca con actividades para todas as...

CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CONCURSO

O Antroido arrinca con actividades para todas as idades e con disfraces, comparsas e carrozas

Xoves 11 de febreiro do 2010

O Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas ten lugar o domingo de Antroido a partires das 18.00 horas. Organizado polo Concello, reúne cada ano a numerosos participantes. Nestes momentos xa hai anotadas 4 carrozas e 20 comparsas, aínda que todavía segue aberto o prazo de inscrición: até o venres 12 de febreiro para as modalidades de comparsas e carrozas no Pazo da Cultura; e até o mesmo 14 de febreiro ás 17.00 horas na mesma porta do Concello na modalidade de disfraces, tanto para grupos, parellas ou individual en categorías adulto e infantil. Esta nova edición do Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas será presentado polo humorista galego David Amor, que retorna a Carballo despois de participar na Rúa dos Contos do FIOT 2009. David Amor caracterízase pola súa polifacética traxectoria profesional, especialmente como monologuista. Na actualidade percorre Galicia co seu espectáculo 'Sempre preocupado' e ademais combínao cun novo programa en Antena 3 que se estrenará nas próximas semanas.

Ademais, a Concellaría de Cultura lembra que está aberto o prazo de inscrición para anotarse no Enterro da Sardiña, que terá lugar o martes de Antroido, 16 de febreiro, a partires das 21.00 horas. Poden participar todos aqueles grupos de nenos e nenas e/ou adultos compostos por un mínimo de catro persoas para acompañar a comitiva que despide a Don Carnal até o ano seguinte. Os participantes percorren a Praza do Concello, as rúas Coruña e Hórreo, a Praza de Galicia, a rúa Fomento e o Parque do Anllóns, lugar onde se oficia o enterro. Para fomentar a participación, o Concello establece a entrega de 10 subvencións de 40 euros cada unha. Os interesados e interesadas poden anotarse no Pazo da Cultura antes do venres 12 de febreiro, ou o mesmo día 16 de 20.00 a 21.00 horas no Concello.

Para obter máis información sobre o programa de Antroido premer aquí.

Para obter máis información sobre as bases do Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas e sobre o Enterro da Sardiña, premer aquí.

Compartir: