Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello buscará fondos alternativos aos...

O CENTRO DE DÍA: EN MARCHA NO SEGUNDO SEMESTRE DE 2010

O Concello buscará fondos alternativos aos do Consorcio Galego para financiar a segunda Escola Infantil para Carballo

Venres 19 de febreiro do 2010

O Concello de Carballo e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tiñan acordado a construción dunha segunda Escola Infantil para Carballo a través dun convenio asinado no ano 2008. Por ese convenio estaba prevista a creación dun novo servizo no entorno do CEIP Bergantiños da capital municipal. Convocárase un concurso de ideas para escoller a mellor proposta para o edificio. O Consorcio Galego ten encargado e financiado a elaboración do proxecto de obra -a punto de finalizarse- en base á proposta escollida, que ten sido adaptada baixo as directrices do mesmo Consorcio. O Concello tivo reservado crédito tanto en 2009 como en 2010 para o proxecto: un 20 por cento do importe total da actuación, uns 166.200 euros dos preto de 800.000 previstos nun principio. Poren, agora a Administración Local anuncia que buscará novas liñas de financiamento para poder sacalo adiante.

Por outra banda, na xuntanza abordouse tamén a posta en marcha do Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal. A obra, que se iniciou a comezos de 2008, está agora totalmente finalizada. Segundo se falou na xuntanza, está previsto que a Administración Local asuma os gastos de mantemento do edificio, mentres que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar será o organismo encargado de garantir a súa posta en marcha. Así, os fondos da Xunta asumirán os gastos de persoal así como a dotación de mobiliario e todo o material necesario para que o edificio comece a ofrecer os seus servizos. As previsións indican que o Centro de Día entrará en funcionamento a partir do segundo semestre de 2010.

Compartir: