Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello anima aos veciños e...

CONCELLARÍA DE IGUALDADE E BENESTAR

O Concello anima aos veciños e veciñas a participar no Banco do Tempo municipal, situado no Museo de Bergantiños

Martes 9 de febreiro do 2010

Nun Banco do Tempo todas as habilidades teñen o mesmo valor, é dicir, todo vale o tempo que se tarda en facer una actividade, con independencia da actividade que sexa. O Banco do Tempo encárgase de poñer en contacto ás persoas participantes para que poidan realizar os intercambios. Principalmente, o obxectivo deste servizo é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e aproveitar o tempo libre para realizar actividades que, doutra forma, non se farían, mellorándose, así, a calidade de vida dos veciños e veciñas. En resumo: o Banco do Tempo pretende promover o intercambio gratuíto de servizos entre as persoas de calquera idade, sexo ou nacionalidade dando a oportunidade para que as veciñas e os veciños do Concello se coñezan e confíen nos demais para poder resolver necesidades da vida diaria.

O Concello de Carballo conta coa colaboración da Asociación Mulleralia para a posta en marcha do servizo. Esta entidade é a que xestiona a atención ao público e quen pon en contacto aos participantes. Mulleralia xorde no ano 2006 co obxectivo de dar resposta aos problemas de inserción social e laboral das mulleres, principalmente das que se atopan en risco de exclusión social. Dende Mulleralia estase traballando principalmente no desenvolvemento de medidas de inserción social e laboral das mulleres, partindo do carácter multidimensional do fenómeno da pobreza e da exclusión social. Para levar a cabo os seus fins, a asociación desenvolve actividades de Formación e Orientación Laboral, Intermediación Laboral, Asesoramento e Apoio ó Autoemprego, Asistencia Social, Sensibilización pola Igualdade de Oportunidades. Neste marco, ofreceu a súa colaboración para a posta en marcha do Banco do Tempo.

Para obter máis información sobre as actividades do Banco do Tempo de Carballo, premer aquí.

Para consultar o calendario de actividades que se desenvolverán entre outubro e decembro de 2010, premer aquí.

Compartir: