Inicio Carballo ao día Hemeroteca O teatro de Mofa e Befa e a maxia de Kiko Pastur...

O VENRES 5 E O DOMINGO 7 DE FEBREIRO

O teatro de Mofa e Befa e a maxia de Kiko Pastur centran a oferta dos Venres Culturais

Xoves 4 de febreiro do 2010

'Shakespeare para ignorantes' fala da irrupción de Mofa e Befa nunha académica conferencia sobre o famoso dramaturgo inglés para por en primeiro plano as escenas máis ignoradas do autor. O riso máis cruel, as intimidades máis vergoñentas, os actos máis deshonestos e as vilanías máis astutas serán mostradas pola despiadada máquina cómica de Mofa e Befa. Asasinos, xuíces, bufóns, delatores, oportunistas, chulos ou torturadores convértense en protagonistas, amosándonos valiosos recursos para resolver problemas da nosa vida privada, laboral ou pública. O dúo cómico presenta unha nova creación marcada polo inconfundible selo que os levou a abandeirar o 'movemento artístico' 'perralleirismo': ironía, imaxinación lúdica, irreverencia, transformismo, uso sorprendente do texto, ou sarcasmo son algúns dos ingredientes que nunca faltan nas súas propostas. Este espectáculo teatral conta coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

O domingo péchase a fin de semana cunha oferta para toda a familia. O Mago Kiko Pastur ofrece una estraña sesión de maxia de preto, pensada para ver de lonxe. Unha baralla de cartas, obxectos voadores e un guión propio do País das Marabillas mesturan o misterio, a espectacularidade, a comicidade e o poético. Este ilusionista coruñés é un dos máis premiados de Galicia. A pesar da súa xuventude, dedícase profesionalmente á maxia dende hai máis de dez anos, realizando numerosas actuacións e colaborando en programas de televisión. O espectáculo, incluído na Rede Galea de Teatros e Auditorios, ofrece un ambiente íntimo, desafiante e cheo de atmosfera máxica.

Os interesados e interesadas aínda poden comprar as entradas para calquera destes espectáculos. Para obter información, poden chamar ao teléfono no 981 704 300 ou premer aquí.

Compartir: