Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Antroido carballés reparte preto de...

ENTRE O 12 E O 16 DE FEBREIRO

O Antroido carballés reparte preto de 7.000 euros entre premios e subvencións para os disfraces, comparsas e carrozas

Venres 5 de febreiro do 2010

O programa ábrese o venres 12 coa animación de rúa a cargo da charanga Os Chinchorros e a celebración do primeiro Obradoiro de Antroido. O sábado pola tarde é a quenda do tradicional baile infantil de disfraces na Praza do Concello, pero tamén haberá baile en Berdillo e no local social da Asociación San Cristovo. O domingo chega unha das principais atraccións, o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas, ao que seguirá a primeira das actividades para maiores, organizada pola Concellaría de Terceira Idade que dirixe Carmen Regueira: baile na Praza do Concello e coa animación da orquestra Trebol a partires das 20.30 horas. O concurso estará presentado por David Amor, un humorista moi coñecido en Carballo que está a punto de comezar a súa andaina en televisión co programa 'O club do chiste', en Antena 3.

O luns hai baile infantil en Sofán e o xa tradicional baile para nenos e nenas no Casino, con espectáculo de maxia e o trío Melao Caribeño. E o martes chega a hora de dicir adeus ao Antroido. Hai baile en Razo e na Asociación Cultural El Ceibo, ademais da Festa e Baile de Disfraces para maiores no Pazo da Cultura, neste caso co Dúo Libertad. Ás 21.30 horas chega o momento de despedir os festexos co Enterro da Sardiña, que realiza un percorrido dende a Praza do Concello para despedir a Don Carnal no Parque do Anllóns. Os últimos actos resérvanse para o sábado e o domingo de Piñata, con bailes en Rus e Cances, o día 20; e o domingo 21 coa colaboración da Asociación Cultural Nemeth e a Alfredo Brañas. Un programa "para esquecer os problemas" e dirixido para todos os carballeses e carballesas, segundo subliñan o Alcalde e a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro.

O programa completo de actividades pode descargarse en pdf nesta mesma nova. Os interesados e interesadas en coñecer a contía dos premios e as subvencións e bases dos concursos e os prazos para inscribirse e participar, poden premer aquí.

Compartir: