Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Policía Local confirma unha tendencia...

PROTECCIÓN CIVIL ATENDEU UN TOTAL DE 349 EMERXENCIAS

A Policía Local confirma unha tendencia positiva en canto á mellora da seguridade no ano 2009

Mércores 27 de xaneiro do 2010

O Sarxento da Policía Local, Constantino Vázquez, informou de que os datos concretos sobre o número de delictos analizaranse máis polo miúdo na Xunta Local de Seguridade, aínda que unha primeira aproximación apunta a un "bo resultado" en 2009, especialmente pola detención dos responsables de varios roubos no casco urbano. Vázquez subliña que non houbo que lamentar moitos casos de vandalismo, que o 'botellón' é algo esporádico na vila e que tampouco houbo que lamentar pelexas graves na zona da movida. Así mesmo, resalta que se teñen realizado campañas de vixilancia en datas sinaladas, coma o Nadal, para previr os roubos nos establecementos comerciais. Por último, destacou o labor da Policía Local na vixilancia dos centros escolares, tanto nos recreos como ás horas de entrada e saída.

No que respecta ao apartado de tráfico, a Policía Local ten rexistrado un total de 199 partes e atestados por accidentes de circulación, fronte aos 229 de 2008. Os peóns feridos en accidentes tamén baixaron de 20 a 10. Constantino Vázquez atribúe en parte este feito á eficacia dos pasos de peóns elevados, especialmente en zonas de elevado tránsito, como Ponte da Pedra, a rúa Luis Calvo ou a zona do Centro Comercial Bergantiños-Haley. Engade que en 2009 non se teñen detectado puntos negros de accidentes na rede viaria municipal. Respecto das sancións, as multas teñen descendido lixeiramente, pasándose de 2.178 en 2008 a 2.117 en 2009, ademais de que a maioría das sancións de tráfico son de carácter leve.

En canto ás intervencións rexistradas por Protección Civil, a maioría delas refírense a limpezas de vía relacionadas con accidentes de circulación (187), aínda que tamén hai que destacar 33 incendios forestais e tamén 20 incendios urbanos, nos que o Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida) colaborou activamente co Parque Comarcal de Bombeiros. Así mesmo, ao longo de 2009 téñense realizado un total de 9 excarcelacións. Tanto o responsable do Servizo como o Concelleiro de Seguridade, Benedito Viña, resaltaron a necesidade de que o Concello de Carballo manteña un servizo propio de Protección Civil. Polo de agora, existe un Grumir estable con tres membros fixos que, case con toda seguridade, permanecerá activo ao longo do ano 2010, pero as autoridades locais subliñan a necesidade de "organizar un servizo de emerxencias permanente", xa que o nivel de intervencións rexistradas en Carballo así o esixe.

Compartir: