Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno do Estado terá investido 12,5...

INAUGURACIÓN DAS ACTUACIÓNS DO FONDO ESTATAL (FEIL) 2009

O Goberno do Estado terá investido 12,5 millóns de euros para melloras en Carballo entre 2009 e 2010

Xoves 21 de xaneiro do 2010

Ao longo de 2009, o FEIL ten permitido a realización de 13 novos proxectos no municipio carballés, dando traballo a un total de 201 persoas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que acompañou a Louro na súa visita xunto co Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, engadiu que, por exemplo, a nova piscina Vila de Noia tamén contribúe a crear emprego, xa que despois da remodelación requirirá máis persoal. Ferrero tamén agradeceu a colaboración estatal, da que fai un "balance altamente positivo", xa que contribúe "a facer de Carballo un bo lugar para vivir". Respecto do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local previsto para 2010 e que será debatido no pleno ordinario de xaneiro, Ferrero adiantou que irá destinado na súa maioría a saneamentos, aforro enerxético e á mellora dos centros de ensino do Concello.

Antón Louro quixo subliñar durante a súa estadía -na que percorreu as rúas Desiderio Varela, Lagoa, San Xosé e Vila de Negreira antes de achegarse á piscina- que en Carballo téñense cumprido os obxectivos do FEIL, tanto polo pulo que ten recibido o emprego, como polo apoio á economía coa contratación de empresas da zona, como pola mellora na calidade de vida dos cidadáns con instalacións como a piscina Vila de Noia. Á súa vez, o Alcalde carballés confía en que esta nova zona de ocio e spa contribúa a incrementar o número de abonados ás instalacións deportivas do Concello e que mellore o servizo. Aínda que dende o xoves 21 de xaneiro xa se están realizando visitas guiadas para ensinar o correcto uso da zona spa aos abonados e abonadas, a apertura definitiva ao público é o luns 25. O horario previsto é de 8.00 a 22.30 horas ininterrompidamente, de luns a venres; os sábados de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas; e os domingos de 10.00 a 13.00 horas. Para coñecer máis polo miúdo as características das instalacións, premer aquí.

Compartir: