Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os orzamentos de 2010 acadan os 22,4...

OS PRINCIPAIS PROXECTOS SON O FÓRUM E A BIBLIOTECA COMARCAL

Os orzamentos de 2010 acadan os 22,4 millóns de euros e destinan un total de 5,5 millóns a investimentos

Venres 15 de xaneiro do 2010

Entre os axustes destas novas contas, María Jesús Vázquez destaca a redución de certos gastos que nestes momentos de crise non semellan imprescindibles, como e o caso da partida de representación e protocolo. Tamén se baixou lixeiramente a achega destinada a festas, ou a de actividades culturais. Así mesmo, o Alcalde anuncia que os salarios dos membros do goberno local con dedicación permanecerán conxelados un ano máis e, por outra banda, reduciranse nun 10 por cento as dietas de asistencia e as asignacións para os grupos políticos. Pola contra, potenciarase o gasto social, destinado a actividades como o comedor sobre rodas, as actividades extra escolares nos centros de ensino, o programa Concilia ou o servizo de axuda no fogar.

Así mesmo, tamén está previsto abordar outras actuacións, algunhas delas destinadas a favorecer a dinamización e formación dos mozos e mozas de Carballo, xa que está recollida unha achega de 358.000 euros para realizar obradoiros formativos. Ademais dos grandes proxectos, no capítulo de investimentos tamén está prevista a creación dunha nova escola infantil ou a urbanización do polígono 3 da capital municipal, situado no entorno do edificio de Facenda e o Centro de Saúde. Tamén está prevista a reforma do edificio do antigo ambulatorio para destinalo a uso administrativo con 305.430 euros. Aos 5,5 millóns de euros en investimentos do orzamento, tamén hai que sumar os aproximadamente 3,3 millóns que chegarán de man do Fondo Estatal do Emprego e a Sustentabilidade 2010, que se empregarán na súa maioría para completar as redes de saneamento.

Respecto da saúde financeira das arcas municipais, o Alcalde subliña que é "moi boa, incluso excelente". No ano 2009 finalizaron as cargas de tres empréstitos municipais polo que para o 2010 as previsións dos gastos de intereses por estas cargas baixan considerablemente. Respecto dos ingresos, as previsións polo imposto de construción, instalacións e obras baixan notablemente respecto do ano pasado, por mor da crise económica. Por último, e comparando as contas coas de 2009, prodúcese un descenso dun 6,54 por cento, aínda que, tanto Ferrero como Vázquez aclararon que o ano 2009 ten sido excepcional nas achegas doutras administracións, con partidas moi elevadas para proxectos como o Fórum, a reforma do mercado ou o arranxo da travesía de Malpica, polo que a comparativa debe facerse con 2008. Neste caso, o crecemento das contas é dun 6,25 por cento, "o que indica que Carballo segue a medrar", en verbas do Alcalde.

Compartir: