Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 20 actividades distribuídas...

TEATRO, MÚSICA, MAXIA E EXPOSICIÓNS

Un total de 20 actividades distribuídas entre xaneiro e abril conforman o programa dos Venres Culturais

Xoves 14 de xaneiro do 2010

Sen dúbida a programación teatral é a que adquire máis peso, con nove actuacións, tres delas para o público infantil. Entre as dirixidas para adultos, ademais do monólogo de Rober Bodegas, o programa tamén tira de artistas da comarca, como é o caso de Talía Teatro, que ofrece a súa última estrea 'Palabras encadeadas'. Tamén estarán Mofa e Befa con 'Shakespeare para ignorantes'; e Sarabela Teatro con 'A Esmorga', o clásico de Eduardo Blanco Amor. Volta a Carballo a compañía catalana 'Titzina Teatro' con 'Exitus'. Por último, os Venres Culturais ofrecen dúas funcións da Aula Municipal de Teatro de Carballo, un grupo afeccionado que leva á escea catro pequenas historias de Anton Chejov baixo o título de 'A ruleta rusa'.

O programa tamén conta con espectáculos de música. Así, o 23 de xaneiro celébrase o concerto de aniversario do Coro Aires de Bergantiños. Tamén haberá o 29 un concerto da Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña. E o 30, unha homenaxe a Carlos Díaz O Xestal, na que haberá actuacións de música tradicional. Por último, o venres 5 de marzo o cantautor Roger de Flor presenta o seu traballo 'Naturalidad silvestre'. As propostas para os máis cativos e cativas agrúpanse no epígrafe 'En familia'. Talía Teatro repite no programa con 'Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)'. Os nenos e nenas tamén contan coa proposta do teatro de monicreques de Galitoon e con Títeres Trompicallo. No que respecta á maxia, rompe o xeo o 7 de febreiro o Mago Kiko Pastur, pero tamén estarán o Mago Dani García e o Mago Rafa.

Por último, os Venres Culturais céntranse nas exposicións. Ademais de recoller a 'I Exposición de Motos Clásicas', organizada pola Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa amig@s das Motos Clásicas de Bergantiños -que pode verse no Pazo da Cultura até o 24 de xaneiro- están previstas outras tres mostras. Así, do 4 ao 25 de febreiro exporanse as obras do III Premio de Arte Gráfica Internacional Jesús Núñez da Deputación; do 4 de marzo ao 4 de abril estará 'Incursión ao sutil', da artista carballesa Chiña; e do 11 de marzo ao 11 de abril a exposición das obras participantes no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar a presenza dos artistas locais e da comarca na conformación do programa, "nunha proposta para todos os públicos e de moita calidade", e augurou que "seguramente quen veñan aos Venres Culturais non van saír defraudados".

Os interesados e interesadas en obter información sobre a compra de entradas para os espectáculos, poden premer aquí.

Compartir: