Inicio Carballo ao día Hemeroteca Recibido no Rexistro do Concello o informe previo...

MODIFICACIÓN PUNTUAL NO PLANEAMENTO PARA AMPLIAR ASPABER

Recibido no Rexistro do Concello o informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)

Luns 21 de decembro do 2009

O equipo redactor, os técnicos municipais e os grupos políticos teñen como próximo obxectivo traballar para adaptar o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal aos requirimentos técnicos do informe, sometelo a exame e revisión nas xuntanzas que sexa necesario e acadar un dictame favorable da Comisión Informativa de Urbanismo, o paso previo á aprobación inicial do PXOM no pleno municipal. Hai que lembrar que nestes momentos o Plan Xeral de Carballo está sendo sometido a un proceso de revisión que xa deu como froito un documento previo, entregado na Xunta o pasado mes de xuño e sobre o que a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ten elaborado este informe.

Por outra banda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña; a directora de Aspaber, Dolores Fernández, e o presidente da entidade, Francisco Costa, mantiveron hoxe en Santiago unha xuntanza coa Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, María Encarnación Rivas. O obxectivo da reunión era falar sobre a ampliación das instalacións -situadas na Brea- de Aspaber (Asociación Comarcal de Pais de Diminuídos Psíquicos de Bergantiños), que neste momento vese obstaculizada pola cualificación do chan nese entorno no PXOM vixente, que restrinxe a edificabilidade.

Os implicados chegaron a un acordo polo que o Concello elaborará unha modificación puntual do PXOM actual, pola que se cambiará a cualificación do chan no entorno das instalacións. Segundo explica o Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña, o obxectivo é adaptarse á Lei do Solo, que permite unha maior edificabilidade que o planeamento carballés vixente, máis restritivo. Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo adoptou o compromiso de outorgarlle prioridade a esta modificación puntual para que poida saír adiante o antes posible e a ampliación de Aspaber sexa canto antes unha realidade.

Compartir: