Inicio Carballo ao día Hemeroteca A II Xornada Carballo PortaAberta aborda as...

FINALIZAN AS II OLIMPÍADAS TECNOLÓXICAS

A II Xornada Carballo PortaAberta aborda as claves da implantación da TDT no territorio municipal

Martes 15 de decembro do 2009

O apagón do sinal analóxico de televisión estaba previsto en Carballo para o 31 de decembro de 2009, aínda que se vai atrasar até mediados de xaneiro. A cobertura da TDT chega a un 94 por cento no territorio municipal debido a un repetidor instalado na zona de San Paio. A orografía é o principal motivo polo que non se chega ao 100 por cen. García Guillín informa de que o Concello ten remitido á Xunta, organismo responsable da implantación da TDT, varios escritos, buscando solucións para cubrir o baleiro existente do 6 por cento. O departamento autonómico propón como mellor opción un sinal vía satélite, aínda que a súa implantación "require un investimento maior para o usuario", segundo explica o Concelleiro.

Por ese motivo, o Concello quere traballar para establecer reemisores do sinal, o que permitiría a todos os veciños e veciñas contar con TDT simplemente mercando un aparato normal. García Guillín subliña que xa hai un estudo realizado pola Administración Local no que se analizan as mellores ubicacións para os posibles reemisores e os puntos idóneos para acabar cos baleiros. A II Xornada PortaAberta pretende reflexionar sobre as mellores opións existentes para acadar a cobertura total en Carballo e sobre a implantación da TDT.

Complementando a celebración desta Xornada, tamén se están a celebrar as II Olimpíadas Tecnolóxicas do Concello de Carballo. Segundo informa Soraya Suárez, Dinamizadora da Rede da Sociedade da Información en Carballo (RDSI), este ano se teñen inscrito un total de seis grupos, con tres integrantes cada un. O obxectivo da actividade é que os participantes saiban xestionar información sobre o Concello -este ano con especial referencia a Alfredo Brañas- empregando as novas tecnoloxías, ademais de coñecer mellor o municipio saíndo á rúa e percorrendo todo Carballo. O mércores 16 pola tarde celébrase a última etapa da competición, xestionada dende o Telecentro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, desexou que estas iniciativas sigan poñendo en contacto aos veciños e veciñas coas novas tecnoloxías e que a xente siga facendo bo uso do Telecentro no futuro.

Compartir: