Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo xa conta coa documentación para...

RECIBIDO O CONVENIO CO MINISTERIO DE VIVENDA

Carballo xa conta coa documentación para iniciar os trámites de contratación da reforma integral do mercado

Luns 30 de novembro do 2009

O Concello de Carballo cualifica este convenio como un acordo moi vantaxoso, especialmente polas súas condicións, que implican que a achega económica será efectiva antes incluso do comezo das obras, algo que non é habitual neste tipo de subvencións. Ademais, se existe algunha baixa no prezo durante o proceso de contratación, o importe íntegro dese aforro repercutirá directamente nas arcas do Concello. Esta cantidade empregaríase para o financiamento dos 600.000 euros estipulados como a achega municipal para realizar a obra, que ten un importe total, con IVA, de 2.443.436,78 euros. En canto ao comezo da reforma, o Concello espera que se produza despois do Nadal, xa que os concesionarios dos postos solicitaron poder realizar esta campaña comercial antes do inicio das obras, algo ao que teñen accedido tanto o Ministerio coma o Concello.

Hai que lembrar que a empresa encargada de redactar o proxecto é Abadeus Arquitectura SLP, que entregou o luns 21 de setembro o proxecto para emprender a remodelación integral do mercado de abastos da capital municipal. Nesta proposta hai que subliñar a presenza de tres plantas (unha soterrada), así como dun ascensor e dous montacargas. Na planta baixa estarán situados os postos dos concesionarios, mentres que a primeira estará destinada a usos múltiples. Está previsto que a faciana do edificio sexa acristalada, mentres que os accesos ao mercado estarán situados na Gran Vía, por un lado, e cara a Praza do Concello polo outro. Así mesmo, hai que subliñar que a empresa redactora do proxecto ten incluído algunhas das suxestións realizadas polos placeiros o pasado mes de agosto, como a de incrementar a superficie útil dos postos na medida do posible.

Compartir: