Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno saca adiante a primeira iniciativa...

LUZ VERDE PARA UN POS DE PRETO DE 700.000 EUROS

O pleno saca adiante a primeira iniciativa veciñal do Concello, presentada pola Asociación San Salvador de Sofán

Venres 27 de novembro do 2009

Así mesmo, a sesión serviu para aprobar o Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña, por un importe de 693.758,08 euros, dos que o organismo provincial achegará 656.003,34. O día 30 de novembro remata o prazo para presentar na Deputación os proxectos, que no caso de Carballo inclúen o acondicionamento da Praza de Ramil, en Rus, por 198.390 euros. Tamén hai que destacar a presenza de tres importantes investimentos para acondicionar e dotar de beirarrúas a estrada Carballo-Santiago, a CP 1914, ao seu paso polas parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces. Os importes son de 181.370,51 euros, 160.850,91 euros e 40.376,57 euros, respectivamente. Por último, o POS recolle 112.769,76 euros para actuar en varios puntos do municipio e atender varias demandas veciñais. O Plan Complementario do POS recolle a creación dunha traída de augas e rede de saneamento en Bas, parroquia de Goiáns, por 65.817,17 euros.

Outro dos asuntos que saíu adiante na orde do día foi o referente á depuración de parcelas no polígono de Bértoa para poder obter os terreos necesarios para crear unha nova subestación eléctrica no parque empresarial, que daría servizo ao polígono a ás novas vivendas dese ámbito. Xa hai acordo entre Unión Fenosa, Xestur e o Concello para que a subestación se emprace nunha parcela de 1.550 metros cadrados (de 31x50 metros) próxima á glorieta de entrada ao parque empresarial e valorada en 300.000 euros. A parcela é propiedade do Concello e cederáselle a Xestur a través dunha permuta por outra parcela situada na ampliación do polígono que teña un importe similar. Por último, a sesión plenaria serviu para aprobar a concesión das bolsas de estudo 2009-10 por 17.724 euros; para o recoñecemento de compatibilidade de Milagros Antelo, técnica de Orientación Laboral do Concello; e para sacar adiante a resolución das alegacións presentadas á Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo.

Compartir: