Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello propón un Plan de Obras e...

PRINCIPIAN OS TRÁMITES DA SUBESTACIÓN ELÉCTRICA DO POLÍGONO

O Concello propón un Plan de Obras e Servizos (POS) para 2010 por un importe de preto de 700.000 euros

Sábado 21 de novembro do 2009

Entre as actuacións recollidas, o investimento máis elevado destínase ao acondicionamento da Praza de Ramil, en Rus, por 198.390 euros, para facilitar o acceso a peóns e vehículos. Tamén hai que destacar a presenza de tres importantes investimentos para acondicionar a estrada Carballo-Santiago, a CP 1914, ao seu paso polas parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces. No primeiro caso continuarase coa dotación de beirarrúas por 181.370,51 euros; na Canosa-Rus tamén se crearán beirarrúas por 160.850,91 euros; por último, na ponte de Entrecruces cubrirase a demanda de acondicionamento da zona por parte dos veciños con 40.376,57 euros.

Por último, o POS recolle 112.769,76 euros para actuar en varios puntos do municipio para crear accesos a vivendas, acondicionar lugares para evitar inundacións e atender varias demandas veciñais. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, quixeron aclarar que, ao contrario que en anos anteriores, o POS non recolle actuacións en saneamentos. O motivo é que está previsto aproveitar os cartos do Fondo Estatal polo Emprego e a Sustentabilidade (FEES) de 2010 para destinalos, case integramente, á mellora de saneamentos nas parroquias do Concello. En todo caso, o Plan Complementario do POS inclúe a creación dunha traída de auga e rede de saneamento en Bas, parroquia de Goiáns, por 65.817,17 euros.

Outro dos asuntos clave da orde do día é a depuración de parcelas no polígono de Bértoa para poder obter os terreos necesarios para crear unha nova subestación eléctrica no parque empresarial. O Alcalde explica que o obxetivo é crear unhas instalacións "con capacidade suficiente para o polígono e para o desenvolvemento urbanístico previsto nese ámbito". Xa hai acordo entre Unión Fenosa, Xestur e o Concello para que a subestación se emprace nunha parcela de 1.550 metros cadrados (de 31x50 metros) próxima á glorieta de entrada ao parque empresarial e valorada en 300.000 euros. A parcela é propiedade do Concello e cederáselle a Xestur a través dunha permuta por outra parcela situada na ampliación do polígono que teña un importe similar.

Por último, outro punto importante na orde do día é a aprobación dunha iniciativa veciñal da Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. É a primeira vez que se emprega este mecanismo, recollido no Regulamento de Participación Cidadá. O obxectivo é adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e valorada en 80.000 euros e ampliar o espazo público do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. A iniciativa consiste en que o financiamento da adquisición repártese a partes iguais entre o Concello e a Asociación, con 40.000 euros cada parte. Os veciños teñen un tempo para conseguir recadar o importe, con achegas veciñais dun mínimo de 50 euros. Una vez adquirida a parcela, o Concello asume a elaboración do proxecto de remodelación, para o que xa hai un pequeno borrador. Así mesmo, abordarase a concesión das bolsas de estudo 2009-10 por 17.724 euros.

Compartir: