Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un recital músico poético, unha...

NOVEMBRO CON MÚSICA 2009

Un recital músico poético, unha exposición e o festival de música tradicional 'Sons de aquí' enchen o programa da fin de semana

Venres 20 de novembro do 2009

Paco Souto e Serxio Moreira poñen voz e piano a 'Lugares de incendios'. A exposición está composta por 36 pezas: 12 ilustracións orixinais e 12 poemas autógrafos de Paco Souto, e 12 partituras autógrafas e orixinais compostas polo pianista Serxio Moreira. A este acto de inauguración asistirán Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo e Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura,. A exposición poderase visitar ata o 31 de decembro na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura no horario habitual, de 18.00 a 21.00 horas.

O festival de música galega 'Sons de aquí' organízao e patrocínao o Concello de Carballo coa colaboración das agrupacións musicais de Carballo. Este ano participan un total de oito agrupacións musicais que son: a Banda Municipal de Gaitas de Carballo, a Banda de Gaitas de San Cristovo, as Cantareiras Xoldreira da A.C. Nemeth, as Cantareiras de San Campio de Cances, Fol de Veneno (na imaxe), a Banda de gaitas de Bergantiños Bértoa, as Cantareiras Névedas da A.X. Arume e as Cantareiras e Cantareiros da A.C. Arume. Todas estas agrupacións son exemplo da recuperación da música tradicional, tanto da comarca de Bergantiños como doutras de Galicia e, polo tanto, poderemos desfrutar con diferentes maneiras de tocar as pandeiretas e as gaitas, de cantar coplas, amosándonos así matices distintos de maneos, muiñeiras, pasodobres, foliadas, etc. A entrada para o concerto, como para o recital poético, é de balde.

Compartir: