Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello asina un convenio coa ONG Terra de...

PROXECTO 'VIAXE CARA A VIDA'

O Concello asina un convenio coa ONG Terra de Homes para levar asistencia médica á infancia de países africanos

Venres 13 de novembro do 2009

O obxectivo é "poñer a nosa pedriña para axudar a que o voluntariado poida medrar", en verbas do Concelleiro de Sanidade e Xuventude, Marcos Trigo. A Fundación Terra de Homes nace en Suíza, da man do francés Edmond Kaiser, no ano 1959, en plena guerra en Arxelia. Neste momento un grande número de nenos sufrían nos campos de refuxiados e, xunto coa fundación, xorde a iniciativa 'Viaxe cara a vida'. Esta ONG chega a España en 1994, e a Galicia no ano 2003. Dende entón, os nenos e nenas, chegados dende Madagascar, Mauritania, Marrocos e Guinea, teñen sido operados de cardiopatías, debido a o elevado nivel que existe no tratamento das doenzas relacionadas co corazón en Galicia.

Raúl Besada, responsable da Delegación en Galicia de Terra de Homes, explica que os casos son detectados nos países africanos onde a ONG ten delegacións. Estúdase o expediente médico e se pon en marcha a maquinaria para que os menores poidan ser tratados. Este proceso require non só a colaboración médica, senón a de voluntarios que acompañen aos nenos e nenas na viaxe e a familias de acollida que os atendan durante a recuperación. Entre que chegan a Galicia e regresan aos seus países pode transcorrer un período máximo de tres meses. Terra de Homes espera que os veciños e veciñas se animen a colaborar para proporcionarlles a estes nenos e nenas o agarimo que precisan durante a súa convalecencia.

Co obxecto de dar a coñecer o proxecto, o próximo venres 27 de novembro, o Pazo da Cultura acolle ás 21.00 horas a representación da obra de teatro 'Un hombre tranquilo'. Previamente, haberá unha proxección dun vídeo didáctico sobre o funcionamento da Fundación. Así mesmo, o martes 24 está prevista ás 20.00 horas, tamén no Pazo da Cultura, unha sesión para presentar as claves do proxecto en Galicia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que "é a obriga de calquera administración intentar colaborar coas asociacións que fan un esforzo social", e quixo animar aos veciños e veciñas a que colaboren con esta iniciativa altruísta. Os interesados e interesadas en facelo poden consultar a web de Terra de Homes, ou contactar no teléfono 902 11 93 42 e no correo electrónico <deleg.galicia@tierradehombres.org>.

Compartir: