Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca a terceira edición das Xornadas de...

13 E 14 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

Arrinca a terceira edición das Xornadas de historia, dedicadas á figura de Alfredo Brañas

Venres 13 de novembro do 2009

O venres 13 ás 19.00 horas, Xosé Manuel Beiras abrirá o ciclo coa conferencia 'Alfredo Brañas como protonacionalista galego', na que abordará a desmitificación do rexionalismo do autor. O sábado 14 pola mañá será a vez de Xan Fraga -que é o coordinador das xornadas- e que falará ás 10.00 horas sobre 'Alfredo Brañas: de Carballo a Irlanda'; e de Xosé Ramón Freixeiro Mato, que se centrará, na ponencia das 12.00 horas, no 'Contexto literario do século XIX'. Con motivo do aniversario de Alfredo Brañas, o Concello de Carballo desenvolveu diversas actividades para divulgar e poñer en valor a figura do intelectual carballés, para o que celebrou un acto de homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres no mes de maio, difundiu ao longo de todo o ano un díptico sobre a figura do autor, fixo unha edición especial do poema de Brañas «A víspora do San Xuan» e divulgou a obra do autor carballés en distintos puntos e a través de varias exposicións na vila.

Alfredo Brañas naceu en 1859 na primeira planta dun dos edificios máis céntricos do centro urbano carballés, onde na actualidade está o bar 'O Mexillón', na rúa da Coruña. De neno trasladouse a Cambados e logo estudou Dereito en Santiago de Compostela. Foi avogado e tamén secretario xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Colaborou con diversos xornais e destacou polas súas actividades académicas, literarias, periodísticas, políticas e cívicas na defensa de Galiza. Alfredo Brañas morreu en 1900, e en 1905 os seus restos pasaron a un mausoleo custeado por subscrición popular en San Domingos de Bonaval, no actual Panteón de Galegos Ilustres.

Compartir: