Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os veciños e veciñas demandan...

CONCLUSIÓNS DO PROGRAMA 'DE TI DEPENDE. CARBALLO SOSTIBLE'

Os veciños e veciñas demandan transportes alternativos, a mellora dos recursos para os peóns e o aumento da reciclaxe

Mércores 11 de novembro do 2009

Segundo explicou o Concelleiro de Medio Ambiente, José Antonio Viña, a participación non foi elevada, aínda que si satisfactoria e o programa cumpriuse por completo. Viña subliñou o feito de que os cidadáns "valoren moi positivamente as accións en materia de Medio Ambiente realizadas polo Concello" e manifestou a vontade da Administración Local de responder ás inquedanzas dos veciños e veciñas de cara ao futuro. O Alcalde, Evencio Ferrero, explicou que está previsto elaborar unha memoria a partir das conclusións destas actividades, que servirá "como guía e como reto para as accións futuras que formarán parte da axenda de traballo". Engadiu que o goberno ten feito moitas actuacións, pero que "hai que ser crítico para seguir mellorando día a día".

Ademais de sacar conclusións sobre as accións de futuro, as actividades tamén estiveron encamiñadas a sensibilizar á poboación do Concello sobre a temática medioambiental que centra esta actividade; a concienciar do papel dos veciños e veciñas ante os problemas medioambientais; e a a materializar propostas de actuación. Así mesmo, outro dos obxectivos das actividades é que os propios cidadáns acaben divulgando as conclusións das xornadas e adquirindo un compromiso en prol da sustentabilidade. O programa pecha ás 16.30 horas de hoxe, mércores 11 de novembro, coa celebración dun Circuíto científico no Xardín Municipal "con experimentos para amosarlles ao público, e especialmente aos rapaces e rapazas, que a ciencia tamén pode ser divertida", segundo explica Roberto González.

Compartir: