Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo conta con recursos de auga suficientes...

SEGUNDO O ESTUDO DIRECTOR REALIZADO POR EYSER ENXEÑERÍA

Carballo conta con recursos de auga suficientes como para garantir o abastecemento a "moi longo prazo"

Venres 6 de novembro do 2009

O estudo realizado por Eyser Enxeñería realiza unha análise da situación actual, unha previsión de futuro, un plan de actuacións, un cálculo do financiamento necesario e unhas conclusións. Entre as principais actuacións que se recollen, destaca a división do abastecemento do Concello en varias zonas diferenciadas, atendendo ás previsións de crecemento e desenvolvemento do municipio. Así, habería unha zona norte para a que estaría prevista a creación dun novo depósito de auga en Oza, de 6.000 metros cúbicos, para reforzar a zona costeira e o polígono industrial. A zona relativa ao casco urbano e arredores mantería o depósito de 10.000 metros cúbicos en Paraíso, pero a captación non se realizaría no río Anllóns, senón no río Bardoso cunha nova depuradora, para mellorar a calidade da auga en orixe.

Por último, para a zona sur do municipio, o estudo propón a creación de varios puntos de captación (no río Bardoso, no río Grande e en Rego de Calvos) e de varios depósitos (Entrecruces, Outón, Petón e Sofán) de entre 100 e 500 metros cúbicos para garantir o abastecemento, especialmente nunha zona que conta con dificultades orográficas. En canto ao desenvolvemento dos traballos, o estudo propón que as obras do sistema principal, como o novo depósito de Oza e a captación de Bardoso, se realicen nos próximos 5 ou 10 anos. Respecto á natureza do financiamento necesario, o estudo propón que se consiga a través de organismos externos. A Administración Local espera contar co apoio de Augas de Galicia.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que este estudo director vai marcar a actuación municipal respecto do abastecemento de auga de aquí en diante. Ferrero afirma que "hai que poñerse en marcha para ir materializando as necesidades, aínda que sabemos que hai tempo" e tamén asegurou que o investimento previsto é algo "factible" tendo en conta o horizonte temporal do ano 2025. Por último, o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, resalta que é a primeira vez que se fai un estudo que inclúa a totalidade do termo municipal, non só en Carballo, senón en toda a comarca.

Compartir: