Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle entre o 13 e o 21 de novembro as...

ASISTENCIA DE BALDE NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle entre o 13 e o 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario

Mércores 4 de novembro do 2009

Despois de dúas edicións, a primeira dedicada ao volframio, e a segunda aos balnearios, as Xornadas de Historia chegan ao seu terceiro ano. Xoán Costa, presidente da AS-PG, subliña que "participan os mellores coñecedores da figura de Alfredo Brañas", e respecto á asistencia, que ten un límite de prazas para o profesorado de 70 persoas, avanzou que xa hai listaxe de espera. En todo caso, aquelas persoas que non formen parte do profesorado e que non precisen da homologación, poden asistir como público sen límite de prazas. O historiador carballés Xan Fraga, un dos ponentes da actividade, quixo lembrar que no centenario do nacemento de Brañas, unhas 10.000 persoas participaron na súa homenaxe, polo que espera recuperar este espírito e doará ao arquivo municipal un libro no que aparece un dos últimos escritos elaborados por Brañas.

Ademais de Xan Fraga intervirán nas xornadas: o venres 13 de novembro o Catedrático de Ciencias Económicas Xosé Manuel Beiras con 'Alfredo Brañas como Protonacionalista Galego'; o sábado 14 estará Xan Fraga con 'Alfredo Brañas: de Carballo a Irlanda' e Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor de Filoloxía Portuguesa, con 'Alfredo Brañas no contexto literario do século XIX'; o venres 20 de novembro asiste Ramón Maiz, Catedrático de Ciencias Políticas, con 'Alfredo Brañas: o ideario do rexionalismo católico-tradicionalista'; e pechan o sábado 21 Justo Beramendi, Catedrático de Historia Contemporánea, con 'Brañas na historia do galeguismo, e Carlos Amable, Catedrático de Filosofía, con 'Alfredo Brañas e os símbolos de Galicia'.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere resaltar a vontade do Concello de sobrepasar a lembranza de Alfredo Brañas polo seu 150 aniversario, chegando a "facilitar o seu recoñecemento e a divulgación da súa obra".

Compartir: