Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 700 escolares asisten á...

'EN GALEGO, POR QUE NON?'

Preto de 700 escolares asisten á representación de 'Comedia Bífida', de Nobicarelo Teatro, no Pazo da Cultura

Martes 3 de novembro do 2009

Todos os rapaces e rapazas asistentes á obra recibirán como agasallo, ademais, o libro 'En galego, por que non?', unha obra do mesmo autor que a peza teatral, Manuel Núñez Singala, na que, dende un punto de vista racional e con exemplos moi doados de entender, se fai reflexionar sobre os prexuízos lingüísticos e as simplificacións que hai arredor da lingua galega. Calquera cousa que se pode dicir, pensar ou sentir en calquera outra lingua, pódese facer tamén en galego. A obra desenvólvese durante o Xuízo Final, con San Pedro como xuíz supremo, como debe ser. Os mortos desta obra de teatro son xulgados pola súa actitude en vida a prol ou en contra do uso da lingua propia.

Con esta acción da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia -coa que colabora o Concello de Carballo e a Editorial Galaxia, dentro do programa de dinamización lingüística 'Bocaberta'- preténdese ofrecerlle aos mozos e ás mozas argumentos positivos para entender que adoptar o uso do galego nin é antigo, nin é errado, nin minoritario, nin rural, nin algo propio de radicais ou de intelectuais, senón que optar polo galego é optar un mesmo polo que un é. Humorismo, ironía, sarcasmos varios, crítica e autocrítica plásmanse en 'Comedia Bífida' para axudar a cumprir este obxectivo.

Compartir: