Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Desiderio Varela será...

O CONCELLO ESPERA ABRILA AO TRÁFICO CANTO ANTES

A rúa Desiderio Varela será semipeonil, cos mesmos horarios e condicións que a rúa Coruña, despois do seu arranxo

Venres 30 de outubro do 2009

A regulación estipula, por tanto, que a rúa estará aberta á circulación de vehículos os días laborables en horario de 7.00 a 18.00 horas e os xoves, sábados e domingos de feira en horario de 7.00 a 10.00 horas. En canto aos traballos, incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), tan só restan uns detalles para a súa finalización. Contan cun orzamento de adxudicación de 218.222,56 euros e a empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos SL está sendo a encargada de dar os últimos pasos para que poida ser aberta ao tráfico canto antes, ao longo do próximo mes de novembro.

Poren, a rúa non estará rematada de todo, co alumeado e o mobiliario urbano (tamén similar ao da rúa Coruña) até mediados de decembro, xa que os operarios teñen que esperar ao envío do material necesario para a súa colocación. En todo caso, dende o Concello aseguran que a rúa estará totalmente rematada antes de Nadal. O Concello roga aos veciños e veciñas que respecten a nova situación da rúa e se absteñan de estacionar os seus vehículos nela mentres non se instala o mobiliario pertinente, que xa impedirá no futuro que os vehículos poidan aparcar. En todo caso, as autoridades tomarán as medidas pertinentes para que isto non se produza.

Compartir: