Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aproba por unanimidade un...

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

A corporación aproba por unanimidade un convenio co Ministerio de Vivenda para a reforma integral do mercado de abastos

Martes 27 de outubro do 2009

A achega de Vivenda será efectiva antes incluso do comezo das obras, algo que non é habitual neste tipo de subvencións. Así mesmo, se existe algunha baixa no prezo durante o proceso de contratación, o importe íntegro dese aforro repercutirá directamente nas arcas do Concello. Esta cantidade empregaríase para o financiamento dos 600.000 euros estipulados como a achega municipal para realizar a obra, que ten un importe total, con IVA, de 2.443.436,78 euros. En canto ao comezo da reforma, producirase despois do Nadal, a petición dos concesionarios actuais. O goberno municipal subliña que é a primeira vez que o Concello de Carballo obtén fondos de todas as administracións posibles: Unión Europea (Proxecto Fórum) e Estado (mercado municipal), sumadas ás xa máis habituais de Xunta e Deputación.

A sesión tamén serviu para sacar adiante a aprobación de dúas ordenanzas. Sacouse adiante o texto inicial da Ordenanza reguladora do funcionamento do servizo de axuda no fogar e dos seus prezos públicos. Así mesmo, houbo luz verde para a aprobación inicial dunha ordenanza que gravará ás compañías de telefonía móbil polo seu uso do dominio público local, o que suporá un total de 121.106,76 euros por ano para as arcas do Concello. Hai que mencionar tamén dúas modificacións de normativas. Unha delas actualiza a tarifa de auga estipulada con Aquagest ao IPC. Ao haber este ano IPC negativo, redúcense as cotas de consumo nun 1 por cento. Outra das modificacións regulará a ordenanza que rexe o cobro do servizo de depuración no medio rural, en previsión da posta en marcha das Estacións Depuradoras de Augas Residuais nas parroquias nas próximas semanas.

Por último, sacouse adiante a declaración institucional do Concello con motivo do 25 de novembro 'Día internacional contra a violencia de xénero’. Neste ano, co lema especial de "a proximidade aumenta a sensibilidade", lembrando especialmente o caso de violencia de xénero que tivo lugar na comarca o pasado verán.

Compartir: