Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno adxudica o contrato de obras...

O ORZAMENTO DOS TRABALLOS SUPERA OS 800.000 EUROS

A Xunta de Goberno adxudica o contrato de obras para emprender a mellora da travesía de Malpica

Luns 26 de outubro do 2009

Segundo o convenio asinado en xaneiro, a obra levarase a cabo ao longo de 1,3 quilómetros (entre os puntos 0 e 1,360 da estrada AC-416 entre Carballo e Malpica). Os traballos consisten na renovación da pavimentación da avenida, na ampliación da calzada e na instalación de beirarrúas e aparcadoiros. Dado o carácter urbano do treito, a actuación inclúe tamén a renovación de servizos como a rede de abastecemento e saneamento, o soterramento do tendido eléctrico ou a dotación de mobiliario urbano. Unha vez concluídas as melloras, o treito obxecto da reforma será transferido ao Concello de Carballo, que a partires dese momento asumirá a explotación, mantemento e conservación da avenida de Malpica.

A Xunta de Goberno tamén serviu para sacar adiante outros asuntos, como a aprobación da demolición dun edificio situado no número 14 da rúa Coruña, de 287 metros cadrados, coñecido por ser a localización do café Carty. A parcela está situada en chan urbano consolidado, sendo de aplicación a ordenanza residencial intensiva, vivenda plurifamiliar. No apartado de expedientes de contratación, deuse luz verde á prórroga dos contratos de obra dos proxectos incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) para a reforma integral da piscina Vila de Noia e para a urbanización das rúas Saúde, Vitoria e Cinceiro. No primeiro alóngase o prazo até o 30 de novembro e no segundo até o 15 de decembro.

Por último, no apartado de convenios, a Xunta de Goberno aprobou un acordo entre o Concello de Carballo e a Fundación Tierra de Hombres España, unha entidade sen ánimo de lucro dedicada á protección e á axuda á infancia. Por este acordo, o Concello contribúe ao programa 'Viaje hacia la vida' cun importe de 1.000 euros, unha achega con cargo ao orzamento de 2009. Tamén se aprobou un convenio para desenvolver prácticas non laborais a maiores das horas lectivas para Cursos AFD/2009.

Compartir: