Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Outono de Teatro acada a súa...

FIOT: DO 7 DE OUTUBRO AO 1 DE NOVEMBRO

O Outono de Teatro acada a súa maioría de idade cunha proposta con 49 actores, 18 contacontos, 10 obras e 6 estreas

Luns 5 de outubro do 2009

Precisamente as apostas de teatro de sala reforzan o seu carácter internacional, con propostas de ben lonxe. Por primeira vez representarase unha obra integramente en portugués, e o Pazo da Cultura encherase con espectáculos chegados dende Chile ou Arxentina. Tamén hai que contar coa presenza de compañías españolas de primeira orde, como a madrileña Cuarta Pared, que trae unha mostra de teatro experimental; ou Teatro Corsario -de Valladolid- que homenaxea a Lope de Vega no 400 aniversario da súa morte con 'El caballero de Olmedo'. Por último, o teatro de sala non esquece a escea galega, con Teatro do Morcego e Teatro do Noroeste, vellos coñecidos do FIOT.

E como cada ano as actividades paralelas adquiren unha especial importancia. A Rúa dos Contos ten medrado tanto que case é xa un festival distinto dentro do FIOT. Chega á súa XI edición duplicando a súa presenza nunha ducia de pubs, cafetarías e tascas do centro carballés. Entre o 7 e o 11 de outubro O Pescador, La Tentación, La Bombonera, O Patacón, a Cafetería Colón, o Café Valle Inclán, o Pub Silfo, A Reserva, A Cabaña e o Cosmic Pop Club acollerán as actuacións de actores e humoristas como David Amor, Avelino González, Cándido Pazó, Tonhito de Poi ou Mofa e Befa. Espectáculos de pequeno formato pero que asegurarán as gargalladas ao numeroso público que cada ano segue a Rúa do Contos.

Por último, hai que subliñar a celebración da IX edición de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís', no que se premia aos rapaces e rapazas dos colexios e asociacións de Bergantiños que realicen a mellor interpretación dun fragmento dunha obra de teatro a través da radio. E a entrega do premio Xograr de Outono, que distingue a traxectoria dunha persoa ou institución vencellada con mundo do teatro en Galicia. O programa complétase con obradoiros, teatro de rúa, encontros cos protagonistas das obras, un encontro entre os organizadores de festivais de artes escénicas ou o Premio do Público de 2009.

Un festival que non sería posible sen os patrocinadores e os diferentes organismos que colaboran, como a Xunta, a Deputación, o Ministerio de Cultura, Agadic, a Sociedad Española de Commemoraciones Culturales, o Xacobeo 2010, o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais, o Instituto Camões de Portugal, o CCB-Haley ou La Voz de Galicia, ademais dos locais de hostalería que participan na Rúa dos Contos. Grazas a todos eles, a organización subliña que puido manterse o prezo das entradas, que poden adquirirse no Pazo da Cultura: os bonos, a partires do 1 de outubro; e as entradas e minibonos a partires do 6 de outubro. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden premer aquí.

Compartir: