Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Outono de Teatro, a música de...

XOVES 1 E VENRES 2 DE OUTUBRO

O Outono de Teatro, a música de Ekaterimburgo e o programa Literactúa conflúen na oferta cultural carballesa

Xoves 1 de outubro do 2009

A organización do FIOT encargoulle ao humorista coruñés Xosé Touriñán a creación dun pequeno espectáculo especial para presentar o programa de sala e as actividades paralelas do festival, unha cita a partires das 20.00 horas no auditorio do segundo andar do Pazo da Cultura. Xosé Touriñán ten participado na Rúa dos Contos en numerosas ocasións e participa nun programa da TVG cos personaxes de Nucha e Mucha con grande éxito de audiencia. Por outro lado, Touriñán participa na serie 'Padre Casares' e conduce o programa 'Botarse ao monte', dedicado aos amantes do montañismo.

Despois do humor, tamén o xoves pero neste caso ás 21.00 horas, chega a música da man do Teatro da Comedia Musical de Ekaterimburgo, que interpretará música clásica, adaptacións de cancións populares, así como de folclore ruso e danzas tradicionais. Esta agrupación funciona dende 1933 e conta con máis de 150 artistas, entre os que salientan grupos de ballet, danza, orquestra sinfónica e orquestra de plectro. O Grupo Esmeralda formouse en 1995 e os seus músicos están graduados polo Conservatorio Estatal dos Urais.

Por último, o venres 2 de outubro chega o momento do programa Literactúa. O salón de actos do Pazo da Cultura acolle a partires das 20.30 horas a presentación e proxección de 'Na bágoa da marea', miniepisodio ambientado en Carballo e dedicado á feira, aos libros e ao pan da serie de internet 'Para mariñeiros nós'. Este capítulo está protagonizado por Suso Lista e Manolo Castro, coa colaboración de Manolo Rivas, Suso de Toro e Gustavo Pernas Cora. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre Literactúa, poden facelo en www.blogoteca.com/literactua.

Compartir: