Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo desenvolve un programa de actividades de...

ENTRE O 1 DE OUTUBRO E O 11 DE NOVEMBRO

Carballo desenvolve un programa de actividades de educación e formación para un medioambiente sostible

Luns 28 de setembro do 2009

O Concelleiro de Medio Ambiente, José Antonio Viña, explica que a elección de temas como o urbanismo e o transporte veu marcada por tratarse de dous núcleos temáticos de actualidade, e sempre co obxectivo de que os veciños e veciñas poidan ofrecer o seu punto de vista sobre o tema. As actividades están deseñadas por OBZ Consulting e Ciencia Divertida. Verónica Iglesias, representante destas entidades, subliñou que é fundamental acadar a "participación dos cidadáns" para "que dos foros xurdan solucións concretas e factibles que se poidan levar a cabo e propoñer ao Concello".

O programa principia o xoves 1 de outubro ás 20.30 horas no Centro Municipal de Formación cunha Xornada de sensibilización que explica as claves do programa, as súas actividades e contidos o calendario previsto e as formas de participación da cidadanía. Tamén haberá obradoiros educativos para nenos; foros de participación para mobilizar ás entidades locais e implicar aos veciños e veciñas; Xornadas Formativas sobre Urbanismo e Mobilidade; e tamén unha xornada aberta a toda a cidadanía acompañada da celebración dun circuíto de actividades experimentais. Todas as xornadas formativas duran 90 minutos e haberá un servizo polo que as nais e pais poderán deixar ao nenos e nenas en obradoiros de conciliación.

O Alcalde de Carballo, presente na presentación do programa xunto con Xosé Antonio Viña e Verónica Iglesias, quixo subliñar a importancia de emprender accións de educación pola sustentabilidade, perseguindo a implicación de toda a sociedade en temas de tanta importancia como o urbanismo e o transporte, "favorecendo a integración entre a sociedade carballesa e a administración pola sustentabilidade". Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova un dossier informativo no que se recollen polo miúdo as características e obxectivos de cada actividade, así como o horario previsto para o desenvolvemento do programa.

Compartir: