Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do proxecto de...

MÁIS DE 90 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL PARA O CASCO URBANO

O pleno aborda a aprobación do proxecto de urbanización para a primeira fase da travesía de Sísamo

Venres 25 de setembro do 2009

O proxecto de mellora da travesía de Sísamo conta con tres fases, polo que o Concello tamén solicita á Deputación que inclúa as fases II e III no Plan de Travesías Provinciais 2008-2011, para poder emprender as melloras até o final da vía, e especialmente no treito que transcorre dende o punto 0,730 ata a escola unitaria de Sísamo. Polo de agora, existe o compromiso do organismo provincial de emprender a segunda fase. O Concello tamén adquire á súa vez o compromiso de que, unha vez rematados os traballos, a travesía de Sísamo pasaría a ser de titularidade municipal.

Outro dos asuntos da orde do día refírese á aprobación da ampliación da zona azul, nunha cuarta fase, na capital municipal carballesa. Afectaría á rúa Rosalía de Castro, con 44 prazas de estacionamento; a parte da rúa Sol, dende a glorieta até a ponte, con 14 prazas máis; á praza da Milagrosa, con 20 prazas de aparcamento; e ao primeiro tramo da rúa Miño, con 14 novas prazas de zona azul. Máis de 90 novos espazos para eliminar os vehículos ventosa do centro urbano carballés, nunha medida que ten sido moi ben acollida polos comerciantes da vila.

Por último, a sesión plenaria abordará a sinatura dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente para xestionar os residuos de aparatos eléctricos e electrónicos no Punto Limpo carballés. Mediante este acordo, clasificaranse os distintos tipos de restos en colectores, e o Concello recibirá unha retribución económica por tonelada de residuos dependendo da súa clasificación. Así mesmo, inclúense outros asuntos, como a designación dos festivos locais para 2010, que serán os días xoves 24 e venres 25 de xuño.

Compartir: