Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo participa na II Limpeza...

PROXECTO RÍOS: DOMINGO 27 DE SETEMBRO

Carballo participa na II Limpeza simultánea de ríos que organiza a asociación Adega

Venres 25 de setembro do 2009

O Proxecto Ríos entregará aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar cartaces divulgativos para cada zona. O pasado ano retiráronse un total de 11.020 toneladas de lixo (estimados) de orixe diverso (neveiras, rodas, radiografías, colchóns...) entre todos os concellos. Adega anima este ano aos participantes a pesar o lixo retirado e a difundir no propio concello a idea de que o río non é un vertedoiro. De feito, un dos problemas máis agravantes que sofren as canles segue a ser a gran cantidade de lixo que aparece nas ribeiras.

Os plásticos e entullos son elementos case habituais nos cursos fluviais e en moitos montes. Dende o Proxecto Ríos queren concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os ríos como premisa para a conservación da saúde. A limpeza non pasa só por ser unha actividade illada dun día de retirada de lixo. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsables cara o medio natural e depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir os ríos. O coidado e o respecto polo entorno farían innecesarias nun futuro actividades como esta.

Compartir: