Inicio Carballo ao día Hemeroteca As infraccións penais baixan en 2009 un...

COMISIÓN ESPECIAL DE SEGURIDADE DE CARBALLO

As infraccións penais baixan en 2009 un 17,6 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior

Xoves 24 de setembro do 2009

Examinando os datos máis polo miúdo, hai que resaltar que as faltas teñen baixado un 16,5 por cento; os delitos de tipo A un 17 por cento; e os delitos de tipo B un 27,5 por cento. Dentro dos delitos A inclúense os homicidios e asasinatos, as lesións, as agresións e abusos sexuais, os furtos, os roubos con forza e violencia, os tiróns, os atracos a bancos, o roubo de vehículos e no interior de vehículos e os incendios forestais. Os delitos B inclúen os realizados contra o patrimonio, contra a Lei de Caza e a de Medio Ambiente, o contrabando, o tráfico de drogas, os malos tratos, os delitos relacionados coa familia, a resistencia á autoridade e os delitos contra a seguridade do tráfico.

As faltas, pola contra, son todos aqueles danos, lesións e pequenos furtos que non superen os 400 euros, salvo que se empregue a forza ou a violencia. Todas estas porcentaxes e datos foron expostos durante a xuntanza da Comisión Especial de Seguridade, na que, ademais do Alcalde, estaban o Tenente de Alcalde José Antonio Viña; o concelleiro de Seguridade, Benedito Viña; e o sarxento da Policía Local, Constantino Vázquez. En representación dos sectores empresarial e comercial tamén había representantes de Axober e do CCA; e en nome da oposición un concelleiro de TEGA e outra do PP.

Segundo explica o Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña, o obxecto destas xuntanzas é o de realizar un balance global cos diferentes sectores sociais, empresariais e comerciais, así como cos centros educativos, para avanzar entre todos e todas en materia de seguridade pública e "poñer enriba da mesa as cuestións que hai que mellorar". Neste caso, a presenza de representantes do comercio tamén serviu para facer fincapé nas medidas de prevención postas en marcha polas forzas de seguridade.

Compartir: