Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o convenio do PEIM 2009-2010 que...

O IMPORTE É DE 89.500 EUROS

Asinado o convenio do PEIM 2009-2010 que supón o arranxo e mellora de catro camiños rurais do Concello

Mércores 24 de febreiro do 2010

Polo acordo asinado con Medio Rural, a Administración Local comprométese a poñer a disposición da Consellería os terreos necesarios para o desenvolvemento das actuacións. Así mesmo, asumirá, unha vez rematadas as obras, a explotación e mantemento dos bens obxecto da mellora. A Xunta explica que o obxectivo fundamental destes convenios é dignificar e incrementar a calidade de vida da poboación que reside no medio rural e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas de Galicia. O importe total dos catorce convenios asinados ascende a 1.286.148,19 euros procedentes de fondos estatais do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MMARM), que son xestionados pola Comunidade Autónoma.

Nos PEIM Rural 2009-2010 colaboran este Ministerio e a Consellería do Medio Rural co fin de levar a cabo actuacións de desenvolvemento rural e establecer un marco xeral de cooperación en materia de infraestruturas. O MMARM, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, comprometeuse a realizar intervencións relativas a camiños agrícolas e pistas rurais por un importe máximo de 18 millóns de euros. Pola súa parte, a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, realizou actuacións de infraestrutura rural por un importe máximo de 9 millóns de euros; estas accións xa foron pechadas e asinadas cos pertinentes concellos. Ademais de Carballo, os outros municipios beneficiados no acto de hoxe son: A Baña, Cerceda, Coristanco, A Laracha, Mesía, Ordes, Oroso, Outes, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Touro.

Compartir: