Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo amplía a súa oferta...

O ABONO FAMILIAR SÓ CUSTA 20 EUROS

Carballo amplía a súa oferta deportiva para a nova tempada

Luns 7 de setembro do 2009

Na presentación do programa estiveron o alcalde Evencio Ferrero; Marcos Trigo, concelleiro de Deportes; Mari Carmen Regueira, edil de Terceira Idade; e representantes do Padroado Deportivo Municipal.

"O programa deseñado é completo é está dirixido a todos os colectivos, dende pequenos ata adultos. Para chegar a todo o mundo repartiranse 20.000 folletos informativos", comentou Marcos Trigo, que expuxo o amplo abano de actividades que terán os carballeses, con "actividades acuáticas para tódalas idades, sala de fitness e tamén actividades na natureza como sendeirismo e cicloturismo".

Pola súa parte o alcalde salientou que "Carballo segue a apostar polo deporte. Desde o concello facemos un gran esforzo para ter as mellores instalacións. O Circuíto do motor, o complexo As Eiroas ou as importantes reformas na Piscina Vila de Noia, que a converterán nunha nova instalación para toda a familia, grazas a unha inversión de máis dun millón de euros". Este investimento era necesario, xa que as piscinas mobilizan a 100.000 usuarios cada ano, unha demanda que o concello terá en conta ao ampliar o horario dunha delas, que pasará a ser de 7:30 a 23:15 horas, de xeito ininterrompido.

Tamén destacou que a oferta é cada vez máis ampla referíndose ao novo servicio da sala de fitness ou ao Spa da piscina da zona escolar que estará listo cando finalicen as obras. Ademais "os prezos son dos máis asequibles de toda Galicia. O abono familiar só custa 20 euros".

As inscricións e os abonos realizaranse chamando ao 981 702 109 ou nas oficinas municipais, que seguen no concello, pero que se cambiarán para o Complexo Deportivo da Zona Escolar en breve.

Compartir: