Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicación definitiva das obras para a...

O PRAZO DE EXECUCIÓN É DE 25 MESES

Adxudicación definitiva das obras para a creación dunha depuradora en Ardaña por un importe de 2,1 millóns de euros

Mércores 12 de agosto do 2009

Está previsto que a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dea servizo ás parroquias de Rus e Ardaña en Carballo, e á de Erbecedo, en Coristanco. Os traballos principiarán na Agra de Noví, nas proximidades do río Grande. Os novos colectores recollerán as augas fecais para envialas á nova depuradora, o que permitirá que os veciños e veciñas desta zona conten con servizo de saneamento. A rede contará con dúas estacións de bombeo e a EDAR terá unha capacidade para tratar os verquidos dunha poboación de ata 4.000 persoas, o que servirá para cubrir tamén as necesidades que xurdan no futuro.

Neste momento, o Goberno local de Carballo ten en marcha un proxecto para dotar a todas as parroquias do municipio, tanto da costa coma do interior, do servizo de saneamento e abastecemento de augas. Sumando as inversións realizadas pola Xunta, a Deputación provincial e o propio Concello, o Goberno local avanza que ao remate deste mandato teranse investido máis de dez millóns de euros para dotar de saneamentos e servizos de depuración á maioría dos núcleos do territorio municipal.

Compartir: