Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha comedia para o público familiar e o...

VENRES 7 DE AGOSTO NO XARDÍN E NA PRAZA DO CONCELLO

Unha comedia para o público familiar e o folk de Ophiusa centran a oferta do Verán Cultural para a fin de semana

Xoves 6 de agosto do 2009

Elefante Elegante é unha compañía que naceu na cidade da Coruña no ano 2007. O seu obxectivo é a creación dun teatro universal de orixe galaico-portuguesa. O seu traballo móvese entre o teatro físico e a danza, desenvolvendo unha linguaxe teatral propia que vai máis aló das palabras e que se asenta no movemento e nas imaxes. 'Tristán cara de can' (na fotografía) vai dirixida a nenos de entre dous e doce anos, e conta a historia dun home tan mal encarado que semella un can. Un día, desesperado pola súa fealdade, regálalle o seu corazón a un paxaro, que marcha con el. A cita é de balde no Xardín municipal a partir das 20.00 horas.

Xa para o público adulto está a proposta de Ophiusa, un grupo que naceu hai dúas décadas en Santiago de Compostela, participando na súa fundación Ramón Feáns, Paco Nogueiras e Antonio Presedo, incorporándose máis adiante Paulo Gacio. Ophiusa ten sido requerido en moitos dos escenarios máis recoñecidos nacional e internacionalmente, compartindo con bandas coma: Xosé Manuel Budiño, Davy Spillane, Värtina ou Skolvan, entre outros. Tamén cabe destacar as dúas xiras realizadas polas Illas Británicas. Os catro músicos de Ophiusa integran diferentes influencias estilísticas que van desde o reggae á música gypsie ou o tex-mex, creando un novo son. O seu disco 'Paos' ten sido moi ben acollido pola crítica especializada, con comentarios que afirman que aporta frescura e sangue nova á escena folk. De balde, na Praza do Concello, a partires das 22.30 horas.

Compartir: