Inicio Carballo ao día Hemeroteca A 'I Xornada Galega do Deporte e Turismo Sen...

O ALCALDE ABRIU A ACTIVIDADE NO PAZO DA CULTURA

A 'I Xornada Galega do Deporte e Turismo Sen Barreiras' ofrece claves para seguir loitando en prol da accesibilidade e a igualdade de oportunidades

Mércores 5 de agosto do 2009

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante a inauguración os grandes pasos que ten dado o Concello de cara á accesibilidade, recibindo distincións como o premio do Concello de Rábade e a Fundación Amigos de Galicia para galardoar os municipios que loitan en prol da supresión das barreiras arquitectónicas, o galardón da Once a favor da Integración Laboral das persoas con discapacidades ou o premio Millenium que concede a Unidade de Parapléxicos da Coruña. Ferrero expresou a vontade do Concello de "avanzar para chegar a unha sociedade sen barreiras, no só no deporte e no turismo, senón en todas as actividades da vida".

Ao longo da mañá, e despois da inauguración, a Xornada afondou nos avances e os atrancos cos que se atopan moitas persoas con diversidade funcional á hora de practicar deporte ou cando queren acceder a un establecemento turístico ou a un espazo de lecer. Así mesmo, está demostrado que existe un importante nicho de mercado para atender a estes cidadáns con calidade, facendo un traballo de normalización destas áreas. Hai que traballar para garantir a inclusión, fomentado a planificación, o deseño de infraestruturas accesibles e o cumprimento das normativas.

Destes aspectos falaron Alexia Tauler, da Asociación Play & Train; Adolfo López Baña, presidente de Íntegro; Manuel Amil, presidente da Red Española de Turismo Accesible (Red Estable); Alejandro Vázquez Romero, de Raz Surfcamp; a Asociación Ámbar de Ribeira co seu proxecto de Vela Adaptada; Jaime Díaz Lavandeira, presidente de ASPAYN Galicia e PREDIF, e promotor do primeiro hotel adaptado ao 100 por cen da Costa da Morte; ou Marina Masdemont Morente, técnica do Centre D’Esport Adaptat de La Molina, Fundación Cruyff.

No apartado deportivo contouse coa presenza de Martín Varela Dourado e de Manuel Cantelar, xogadores de tenis en cadeira de rodas; e de Manuel Caramés Canosa, que compite na modalidade de handybike (bicicleta de montaña adaptada). Houbo que desculpar a presenza de Sebastián 'Chano' Rodríguez Veloso, que despois de conseguir a pasada fin de semana bater un récord nadando ininterrompidamente 24 horas e 55 minutos en augas abertas, tivo que suspender a súa participación en prol da súa recuperación física.

Compartir: