Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 16 establecementos hostaleiros...

SÁBADOS E DOMINGOS ENTRE O 8 E O 30 DE AGOSTO

Un total de 16 establecementos hostaleiros participan na I Ruta do Pincho de Verán do Concello de Carballo

Sábado 1 de agosto do 2009

Os pinchos serán necesariamente de elaboración propia e poderán realizarse receitas tradicionais ou innovadoras, pero presentadas dunha forma creativa e coidada. As tapas puntuaranse a modo orientativo polos clientes, deixando o voto nas urnas situadas en cada local participante. Entre as papeletas dos votos sortearanse tres lotes de produtos o domingo 30 de agosto ás 13.30 horas nunha carpa situada na Praza do Concello.

Hai que subliñar que cada local comprométese a elaborar un pincho distinto para cada día da ruta, que se pecha coincidindo coa celebración do Feirón de Verán. Nesa última xornada está previsto que todos os locais ofrezan o mesmo pincho elaborado con produtos da zona. O Alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu a participación dos numerosos locais que se teñen sumado á iniciativa e convidou aos veciños e veciñas a que se animen e non perdan a oportunidade de desfrutar dos pinchos "unha achega dos establecementos ao conxunto dos cidadáns". Pola súa banda, os representantes dos locais de hostalería comprometéronse a botarlle "imaxinación" e facer receitas orixinais.

Así mesmo, o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, resaltou que xa ten transcorrido preto dun ano do inicio da promoción dos Feiróns de Tempada, que xurdiron co obxectivo de fomentar as feiras, apoiar os diferentes sectores empresariais e difundir o consumo dos produtos da terra sementados na zona. Guillín realiza un "balance moi positivo" do camiño percorrido até o de agora e plantexa a posibilidade de estender no futuro as actividades dinamizadoras do feirón a todo o mes da súa celebración. Neste marco é no que xurde a celebración da I Ruta do Pincho de Verán, na que a organización espera recoller as impresións dos veciños e veciñas que o desexen nun blog en internet na seguinte dirección: <www.blogoteca.com/depinchosporcarballo>.

Compartir: