Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo fai balance da súa primeira...

O EQUIPO DE FÚTBOL 7 ACADOU O SEXTO POSTO

Carballo fai balance da súa primeira participación nos Xogos do Eixo Atlántico cunha medalla de ouro en natación

Venres 10 de xullo do 2009

O Concello de Carballo acadou a súa primeira medalla nos VIII Xogos do Eixo Atlántico A Coruña 2009 e a primeira para os deportistas do municipio na historia da competición de man de Pablo Balsa. O carballés impúxose en natación, na carreira dos 100 metros libres, cun tempo de 55'' 03 e conseguindo o primeiro posto. El e os seus compañeiros na piscina conseguiron un meritorio quinto posto para o equipo masculino e o sétimo para o feminino de natación. No que respecta ao fútbol 7, o equipo acadou finalmente o sexto posto, perdendo por 3-0 o encontro da loita polo quinto. Poren, os rapaces fixeron unha moi boa competición, permanecendo imbatidos durante a meirande parte dos Xogos.

O grupo de balonmán masculino acadou, pola súa banda, un meritorio sétimo posto, mentres que os rapaces de baloncesto masculino acadaron o oitavo. Peor sorte correu o baloncesto feminino, que finalmente rematou a competición no posto catorce. Pero máis aló dos resultados, os rapaces e rapazas chegaron a Carballo contentos coa súa participación e realizando un balance moi positivo da experiencia, especialmente pola convivencia durante preto dunha semana con case dous mil deportistas de numerosas vilas de Galicia e Portugal, e polo ambiente que se puido vivir durante a duración dos Xogos.

Compartir: