Inicio Carballo ao día Hemeroteca Espectáculos de teatro clásico e...

CON LA BARRACA, O MAGO DANI GARCÍA E O GRUPO VALACAR

Espectáculos de teatro clásico e maxia centran a oferta do Verán Cultural para a fin de semana

Xoves 9 de xullo do 2009

Hoxe, xoves 9 de xullo Carballo conta coa presenza de Las Rutas de la Barraca 2009, das aulas de Teatro das Universidades de Murcia e Porto Rico. Con 'La Gatomaquia' contan andanzas e amores entre gatos, que protagonizan unha obra de teatro chea de humor, ironía e picardía, baseada na farsa escrita por Lope de Vega. Esta divertida adaptación trasladará a todos os espectadores, pero especialmente aos máis novos, a unha guerra gatuna. A cita é ás 20.00 horas na Praza do Concello e conta coa colaboración da Sociedade Estatal de Conmemoraciones Culturales. O venres 10 de xullo ás 20.00 horas, o Xardín Municipal énchese de maxia, co espectáculo infantil 'Acción', a cargo do Mago Dani García, que presenta unha aposta orixinal, cómica e moi visual que sacará o sorriso a toda a familia. Esta actuación conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Por último, o sábado 11 de xullo o Grupo de Teatro afeccionado Valacar da ONCE (na imaxe nunha das súas primeiras montaxes), que actúa en toda Galicia e integrado en gran parte por persoas cegas. Nesta ocasión estrean en Carballo a súa última montaxe, 'Amor de don Perlimplín con Belisa no xardín' de Federico García Lorca, na que utilizan o sistema de audiodescrición teatral para facilitar a comprensión do espectáculo polo público deficiente visual. Unha traxicomedia sobre o amor interesado e non correspondido entre un vello e unha moza. Este espectáculo comezar ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é de balde.

Compartir: