Inicio Carballo ao día Hemeroteca O distintivo da Bandeira Azul ondea xa nos areais...

SERVIZOS

O distintivo da Bandeira Azul ondea xa nos areais carballeses de Razo e de Pedra do Sal

Venres 26 de xuño do 2009

Hai que lembrar que dende principios do mes de xuño o Concello emprendeu un proceso para limpar e acondicionar os areais carballeses. Así procedeuse á limpeza das zonas verdes dos areais, especialmente en Baldaio, ou A Cabreira, pero tamén noutros puntos da banda costeira, así como ao baleirado das papeleiras ou o acondicionamento dos servizos dos areais. Así mesmo, os operarios de Protección Civil realizaron labores para eliminar os posibles desniveis no areal de Razo, provocados pola forza das mareas vivas, co obxecto de deixar as explanadas listas para o desfrute dos veciños e veciñas. Asemade, un total de 32 socorristas velarán pola seguridade dos usuarios e usuarias das praias carballesas. Toda unha serie de actuacións que redundan na consecución dos parámetros de calidade que permiten a concesión de distintivos como a Bandeira Azul.

Por outra banda, o Concello carballés informa de que nestes momentos xa están practicamente rematados os traballos que permitirán dotar á zona de Razo dun saneamento integral. Tan só falta a conexión que permitirá a posta en marcha do servizo, xa que os traballos para a creación da rede de colectores e unha nova depuradora (EDAR), xa están finalizados. O Goberno local tamén avanza no proxecto para que Baldaio conte con este mesmo servizo, o que permitirá que toda a zona costeira do municipio poida ter auga corrente de calidade.

Compartir: