Inicio Carballo ao día Hemeroteca O indie de Lori Meyers e o tributo a Queen de...

SAN XOÁN 2009

O indie de Lori Meyers e o tributo a Queen de Dios salve a la reina centran a oferta musical dos días grandes das festas patronais

Martes 23 de xuño do 2009

O mércores 24 xuño é o día grande das festas, que comezará ás 11.00 horas con pasacalles do grupo de gaiteiros de Cances e a Escola de Gaitas Bergantiños, mentres que ás 12.00 horas o pasacalles corre a cargo da Banda Municipal de Carballo, que acompañará á procesión da misa solemne en honra de San Xoán, que comeza ás 12.30 horas e que estará cantada pola Coral de Bergantiños. Ás 14.00 horas ten lugar o tradicional concerto da Banda Municipal de Carballo na rúa Coruña. Pola noite, a orquestra Ciclón comeza ás 22.00 horas coa verbena previa ao concerto do grupo granadino Lori Meyers ás 00.00 horas na Praza do Concello. Lori Meyers xurdiu en Granada baixo o talento do pop de guitarras, estribillos brillantes e xogos de voces fantásticos. Chegan a Carballo para presentarnos 'Cronolánea', publicado no ano 2008, e que foi elixido pola revista Mondo Sonoro como o mellor disco do ano.

O xoves 25 de xuño ten lugar a segunda xornada máis importante das festas, que comeza ás 11.30 horas con pasacalles a cargo grupo de gaitas San Cristovo, o grupo de gaitas fol de Veneno e da Banda de Música Eduardo Pondal de Ponteceso. A misa solemne é ás 12.30 horas en honra ao Santísimo Sacramento, cantada pola Coral de Bergantiños. A continuación, é a procesión acompañada pola Banda de Música Eduardo Pondal de Ponteceso. Ás 14.00 horas hai un concerto da Banda Santiago de Arteixo na rúa Coruña. Xa pola tarde, ás 18.00 horas principia o XII Descenso do Anllóns, con saída na Ponte de Bértoa. Ás 19.30 é a degustación de chourizos ao viño. Ás 22.00 horas a verbena corre a cargo da Orquestra Marbella e ás 23.30 horas principia o concerto Tributo a Queen de Dios salve a la reina, un percorrido polos temas máis míticos da coñecida banda do desaparecido Freddie Mercury.

Compartir: