Inicio Carballo ao día Hemeroteca 'Xogar na rúa' pecha o Programa...

25 ANIVERSARIO DO PADROADO DEPORTIVO MUNICIPAL

'Xogar na rúa' pecha o Programa de Deporte Escolar, no que este curso teñen participado 2.700 nenos e nenas

Luns 8 de xuño do 2009

O Programa de Deporte Escolar do Concello desenvólvese en catro vías: as escolas deportivas, con 761 nenos e nenas este curso; as competicións e encontros deportivos, con 367 nenos e nenas en 37 equipos; a campaña de natación escolar, con 352 nenos e nenas; e as xornadas deportivas puntuais, coa participación de 1.285 nenos e nenas. Participan os alumnos e alumnas dos centro de educación primaria do Concello, e as modalidades deportivas foron campo a través, baloncesto, balonmán, fútbol sala, xadrez e natación. Na Praza do Concello haberá representación destas actividades e doutras moitas.

Este programa promove a idea de 'deporte para todos', como un obxectivo eminentemente pedagóxico, non discriminatorio, aberto e gratuíto a todos os escolares e vencellado aos conceptos de educación, saúde e recreo. En 'Xogar na rúa', ademais da colaboración do tecido asociativo do Concello, cóntase co apoio de varias firmas comerciais e especialmente de Caixanova, quen se encarga de que tódolos asistentes conten con cadansúa camiseta como agasallo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, invocou ao bo tempo para que esta xornada "na que participan un altísimo número de persoas, sexa o peche para estas escolas deportivas, exemplares non só na Costa da Morte, senón en toda Galicia".

Compartir: