Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música, os xogos, o deporte e o teatro...

DIOS SALVE A LA REINA, LORI MEYERS OU O ROCKIN: OS CONCERTOS PRINCIPAIS

A música, os xogos, o deporte e o teatro centran o programa de actividades do San Xoán 2009

Sábado 6 de xuño do 2009

O apartado musical é o máis completo, con apostas que van desde as verbenas, ata os concertos ou festivais, coa aposta de novo polo Rockin Praza, que xa é unha referencia "en toda Galicia, ou incluso en todo o Estado" do panorama rock, segundo o Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo. A actuación musical internacional vén de man de Dios salve a la reina, o día 25, chegados dende Arxentina e recoñecidos como o mellor tributo ao grupo Queen do mundo. O día 24 o concerto está protagonizado por Lori Meyers, unha aposta polo pop que chega dende Granada con guitarras, brillantes letras e xogos de voces. Pero o aperitivo chega o venres 19 co festival Rockin Praza, no que abrirán o programa músicos carballeses e galegos, coma Killer Cats e Samesugas, para pasar logo aos ponferradinos El Barracudo & Bigaszekene, ou a Roy Loney & Señor No para rematar cos internacionais The Chesterfield Kings.

No apartado musical tampouco hai que esquecer as verbenas, coa presenza de agrupacións como Gran Parada, Trébol, Os Satélites, Costa Oeste, TVG, Ciclón ou Marbella. Así mesmo, haberá actuacións tradicionais, coma a XII edición da Mostra de Habaneras ou o Día da Muiñeira da Asociación Cultural Nemeth. Como apertura do programa tampouco hai que esquecer o teatro, coa actuación do coñecido actor galego Nancho Novo con 'Sobre flores y cerdos. Más Nacho que Longo', o día 13 de xuño no Pazo da Cultura. Ou as actividades paralelas como o XIX Concurso Infantil de Pintura de Lumieira, o 'Arte na rúa', os pasacalles ou o Día do Neno.

O deporte tamén xoga un importante papel, con citas tradicionais como o V Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo; a III Carreira Provincial de Radio Control de Coches; o III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo; o Xogar na rúa; unha exhibición de taekwondo ITF a cargo de Adriana Lista, sub campiona de Europa 2009) e Pastor Carracedo; o Día da Bicicleta; o XVIII Trofeo Concello de Carballo de Fútbol de Peñas ou o festival de fin de curso dos alumnos de Escola na rúa.

Por último, non se poden esquecer as citas máis tradicionais do San Xoán, que cada ano concentran a un grande número de público. Trátase do Concurso de Cachelas, que ten lugar na noite meiga do 23 de xuño; o XII Descenso do Anllóns; ou o IX Gran Prix de Carrilanas, que este ano incorpora a presenza de karts e dunha competición pola 'pole position' para intentar animar o concurso. En total, máis de 4.000 euros entre premios e subvencións nestes certames. Por último, hai que mencionar o peche das celebracións coa Festa do Bosque e a sesión de Fogos de Artificio, o día 28 de xuño. Unha cita moi tradicional con actuacións musicais, animación e humor. Un programa "no que a comisión sorprende pola súa capacidade para facer a mellor das festas posibles", segundo o Alcalde, Evencio Ferrero.

Compartir: