Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello colabora no desenvolvemento da XVI...

CONCELLARÍA DE DEPORTE

O Concello colabora no desenvolvemento da XVI Escola de Verán de Balonmán da Asociación Deportiva Xiria

Venres 29 de maio do 2009

Os interesados e interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas poden facelo dende o 15 de maio nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal, situadas no segundo andar da casa consistorial. A cota por dous meses nas escolas é de 70 euros para socios da EB Xiria, e de 90 euros para non socios. Por un mes, as cotas son de 40 euros e 50 euros para socios e non socios, respectivamente. Para os irmáns dos participantes hai un desconto do 15 por cento. O horario é de 9.30 a 13.00 horas, aínda que unha das novidades desta edición é a presenza dun horario máis reducido de 11.00 a 13.30 horas.

Segundo os responsables das escolas, o obxectivo é dividir as actividades tanto por sesións como por tramos de idade para conseguir que todo sexa máis dinámico. As escolas contan con monitores especializados, e os seus responsables quixeron subliñar que ata 200 nenos poden chegar a participar entre a Escola de Verán e a Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques. No primeiro caso está previsto facer catro grupos de 25 nenos e nenas; e no segundo, cinco grupos de 20 nenos e nenas.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar a importancia de que unhas escolas deste tipo teñan chegado á súa edición número dezaseis, ademais de que a destinada para os peques "vai a bo paso" pola súa quinta edición. Trigo sinala que estas escolas de balonmán "son un referente, incluso a nivel de toda Galicia", e "atende un enfoque diferente da actividade deportiva dos rapaces e rapazas".

Compartir: